![]() |
BEBETO |
Os derbis. A esencia do fútbol. Se estableceramos unha analoxía entre a anatomía humana e o fútbol como deporte, ben poderiamos afirmar que o fútbol costeiro está moi preto, ou cando menos, máis preto que moitas outras ligas superiores de encaixar nas proporcións áureas do Home de Vitrubio; ese famoso debuxo plasmado por Leonardo Da Vinci, no que o artista florentino pretendía reflexar as proporcións e medidas perfectas do corpo humano. E non falo de proporcións matemáticas, estoume a referir a ese cheiro a fútbol de antes, a fútbol sen intereses comerciais, a fútbol sen xornalismo patético, a fútbol, en definitiva, como sentemento puro. E se ese cheiro pode percibirse en tódolos campos da Costa, cando toca xogar un derbi. Ese cheiro convértese en aroma. Os derbis son no fútbol da Costa o que a alma sería no Home do Vitrubio, o máximo exponente da paixón e da perfección.
Quen non lembra os Lira - Carnota de antes, os Muros - Esteiro, os Corme - Ponteceso, os Cee - Dumbría, os Fisterra - Cee...
Sen ir máis lonxe, ó redactar estas líñas, a miña mente voa sen querer a un Ara-Solis ateigado de xente, ó derradeiro Fisterra-Cee de hai case dous anos e visualiza o momento exacto no que Mackaay, ante máis dun milleiro de persoas, manda de bolea un balón á escadra para meter no peto o campionato costeiro dese ano. 3-0 e para casa. Intres coma ese, hai ducias ó longo dos máis de 50 anos de historia da Liga da Costa.
E xa que falo dos Fisterra-Cee, é de xustiza dicir que os da fin do mundo non sempre saímos tan ben parados. De feito, moitos dos máis vellos xogadores non dubidan en recoñecer que cando comezou a Liga da Costa, o Cee acostumaba a ser superior.
Foi na época dos anos sesenta, despois de perder varios derbis consecutivos, cando no pobo de Fisterra estableceuse un clima un tanto depresivo e pesimista. Non se lle gañaba ó Cee nin para dios!. Éramos moi superiores ó resto, pero contra eles, nada. Todo eran caldeiradas a prol do Cee. Ata que un día gañámoslles, pero non nun campo de fútbol.
Ocorreu nun desplazamento da S.D. Fisterra. Tocaba xogar de visitantes e todos os integrantes do plantel, acompañados de moitas veciñas e veciños de Fisterra, ían no autobús para disputar o partido que correspondía. Durante o traxecto, cando o coche de línea deixaba atrás o trazado dunha curva moi pechada, visualizaron outro autobús diante deles que subía a duras penas unha costa empinada. Cando se aproximaron un pouco, todas e todos puideron ler o cartel que asomaba na parte traseira do vehículo de diante: "Unión Club Cee". Miña nai... o autobús do Cee! Ata na estrada ían por diante...
Pero os fisterráns do autobús, xente orgullosa, coma se dun derbi máis se tratara, arengaron ó conductor para que acelerase a fondo. Había que adiantalos como fora.
- Aselera valiente!!
E o conductor, exercendo de improvisado dianteiro da S.D. Fisterra, pisou o acelerador daquel vello autobús ca mesma forza que empregaría Mackaay cincuenta anos despois para mandar o balón á escadra da portería do Ara-Solis. O noso autobús recortaba metros. Os xogadores do Cee, aínda que nunca escoitei a súa versión, tiveron que alucinar. O conto é que, xusto un intre antes de que rematara a recta e a risco de que ó autobús lle rebentara o motor, o noso conductor, cun número sete invisible ás costas, foi quen de adiantar o autobús do Cee, meténdolle un auténtico golazo. A xente aplaudía, abrazabanse, sacaban as boinas polas fiestras e mofabanse dos de Cee que xa, agora si, quedaban pola popa. Por fín, por fín gañabase un derbi.
Non sei cal será o reconto oficial de derbis a favor da S.D. Fisterra. Calquera que sexa, sabede que en Fisterra, nós sempre lle sumaremos un díxito máis. O da victoria aquela que conseguimos nun autobús costa arriba, eló!
No hay comentarios:
Publicar un comentario