miércoles, 21 de febrero de 2018

DENDE A FIN DO MUNDO




A VELLA E O FÚTBOL

Esta historia contouma Coné e, aínda que esta información non garde moita relación co que vou contar a continuación, cómpre dicir que foi un dos xogadores que militou na S.D. Fisterra nos anos sesenta, formando na escadra da fin do mundo, antes de que existise a Liga da Costa, durante a fundación da mesma e exercendo nela como capitán da S.D. durante moitas tempadas daquela década.

Hai xa uns oito ou nove anos, como tódalas tardes por aquel tempo, Coné dirixíase á que fora súa casa na infancia, situada pola Rúa de Arriba e moi preto do Restaurante "Os Tres Golpes", para darlle a merenda a súa nai, a señora "Carmen da Conexa", que aínda alí vivía. Unha muller xa moi anciá que, debido a súa avanzada idade, dependía para case todo dos coidados do seu fillo.

Nesas mesma rúa, vivía e vive, un rapaz chamado Rodrigo, que por aquel entón contaba cuns seis ou sete anos de idade. Na actualidade, caprichosas casualidades do transcurso inexorable do tempo, Rodrigo tamén defende as cores da SD Fisterra (polo momento no equipo xuvenil) e no mesmo Ara-Solis no que o facía Coné hai cincuenta anos.
Esa tarde, Rodrigo estaba a xogar na porta da súa casa cando alguén chamou a súa atención. Era Coné, que viña camiñando pola rúa rumbo á casa da súa nai.

A donde vas, Coné?- Preguntou con curiosidade o neno.

Eló, Rodrigo! Voulle dar a merenda a miña nai...- Contestoulle éste divertido.

O rapaz, tras interpretar estas palabras e comprender o que ía suceder a continuación, deixou os seus xogos con présa e achegouse á fiestra da cociña da señora Carmen. Dende alí fóra, e cas mans apoiadas nas reixas que a protexían, observaba con infantil expectación como Coné sentaba a súa nai nunha cadeira e dispoñíase a darlle a merenda: unha pezas de fruta e un iogur.

Foi nese intre, cando o neno, despois de permanecer absorto uns minutos contemplando a acción que estaba a acontecer no interior da cociña, comezou cas súas preguntas:

Coné...

Qui fui?

Por que lle das fruta a túa nai?

Porque hai que alimentarse, porque a fruta alimenta muito, porque é moi boa para a saúde...

O rapaz non quedou moi convencido ca resposta e volveu á carga:

E por que lle das iogur?

Coné, contestáballe con paciencia a cada pregunta:

Porque o iogur ten calcio...

E iso é bo?

Claro que é bo! O iogur é moi bo para os ósos, para xogar ó fútbol...

Ó escoitar isto, Rodrigo, exclamou:

Si ho! A vella vai xoghar ó fútbol polo carallo!

NOTA: Hoxe en día, Rodrigo é un dos referentes nunha das tres comparsas que concursan na actualidade no entroido de Fisterra. A dos "Trotamúsicos". Sempre apuntou maneiras...

No hay comentarios:

Publicar un comentario