viernes, 23 de febrero de 2018

BANCADA PREVIA

VENCER OU MORRER NO INTENTO


Corre o tempo cara atrás para varios equipos esta xornada, e agoniza para outros que quizais xa cheguen tarde a unha hipotética salvación. Pero din que mentres hai vida e unhas matemáticas que aínda cadren as contas, hai esperanza. Auténticas finais tanto nas zonas inferiores como nas superiores das táboas, vannos a deparar unha fin de semana de fútbol para a emoción e o desfrute. Un momento no que moitos equipos precisarán máis que nunca dos seus afeccionados...porque os tres puntos comezan a sumarse en canto se enche a bancada.
Diego Cespón del Dumbria ante un rival
PREFERENTE NORTE

O DUMBRÍA viaxa a OUTEIRO DE REI para enfrontarse ao único equipo que ten por debaixo na clasificación, nun encontro digno das traxedias de Lorca. ¡Ai, que terribles cinco da tarde!, pois ese taurino horario do poema lorquiano será no que salten á area os dumbrieses, presos de todas as súas urxencias e incertezas, pero aínda vivos e palpitantes.
O XALLAS, pola contra, vive unha lúa de mel que non parece ter fin. A súa visita ao CASTRO non semella un paseo dominical, pois están moi ben situados uns postos máis arriba e poñen as cousas difíciles a quen trate de asaltar o seu fortín. Mais o XALLAS está nese punto en que non se coñece o temor, confiados e seguros, creen en si mesmos e sábense capaces de todo. A mentalidade positiva tamén suma.

Mentres, o SOFÁN ten unha moi boa ocasión na súa visita a BOIMORTO para escalar algún peldaño na táboa clasificatoria, pois os dous están empatados a puntos. O gran resultado da semana pasada fronte a un boísimo rival ten que prolongar o seu efecto e server para que aspire a mirar cara arriba.

PRIMEIRA GALEGA

Encontros moi dispares para os nosos representantes nesta categoría, pois o FISTERRA, por exemplo, recibirá ao SILLEDA, un dos colistas, mentres o BAIO terá que baterse nada menos que contra o líder e a domicilio. Os fisterráns apuran o seu bo momento e só cabe sumar o sexto partido sen perder para non caerse do tren desa anhelada salvación. Os baieses en AGOLADA non van atopar agasallo de ningún tipo, e precisarán moito esforzo e sorte para sacar algo positivo. Pero hai que xogar e nada está perdido de antemán. O SONEIRA ten ocasión de cicatrizar as feridas da derrota da semana pasada coa visita do AT. RIVEIRA, en postos de descenso. Non caben máis erros se se quere manter algunha aspiración de cara os postos de arriba da taboa. O SAN LORENZO, aínda nese momento doce despois dunha gran vitoria como a da semana pasada, visita SIGÜEIRO nun choque que pode ser igualado e permita aos de Verdillo seguir soñando con escapar da queima.

Encuentro Fisterra - San Lorenzo
LIGA DA COSTA (2ª AUTONOMICA)

Toda a atención situada nese BAIÑAS - ESTEIRANA- que se desputará entre lusco e fusco, xa ás seis e cuarto da tarde. Un encontro que fará mudar posicións, pois ambos están a só dous puntos e que se xogará coma unha finalísima, con toda a emoción de dous equipos ofensivos que darán ese espectáculo que os afeccionados da Liga da Costa tan ben coñecen. Outras ansias de vitoria teñen tamén equipos coma o CEE, necesitados imperiosamente de tres puntos ante un CERQUEDA moi ben situado na táboa que buscará sumar e seguir subindo. O CORME - MONTELOURO do Cairo promete decibelios, outro encontro nas alturas cos de Óscar Leis absolutamente entregados a unha competición que cada domingo os ascende un pouquiño máis ao ceo dos mellores da competición. Pero de momento, no alto dese ceo atópase o MAZARICOS, que xogará en BUÑO cun ollo posto no Municipal de Vimianzo, pois segundo o resultado alí, pode saír aínda máis reforzado en caso de gañar o seu partido. O MUXÍA recalará en OUTES e tentará prolongar as boas sensacións do domingo pasado, e o LIRA - MALPICA, empatados a puntos promete ser outro dos encontros que calquer afeccionado daría prioridade para ir ver e desfrutar. CAMARIÑAS e CORISTANCO nadan en augas profundas e buscarán por todos os medios coller aire e saír a superficie nos seus encontros en ZAS e PONTECESO, respectivamente.
Encuentro Mazaricos - Buño
TERCEIRA GALEGA

O líder VOLANTES DE BAÑO viaxa a NANTON con toda idea de manter a súa vantaxe sobre os seus veciños e perseguidores do MUROS, que reciben ao SEAIA. o CABANA e o CAMELLE, instalados na parte de arriba, teñen como rivais aos últimos clasificados, o OUTES B que viaxará a terras cabanesas, e o CASTRELO que recibirá aos de Man. Un LAXE - PORTEÑO que promete igualdade e un CORCUBIÓN impreciso que non acabou de dar o salto que se lle presupoñía, recibirá ao CASTRIZ nun partido no que todo pode pasar.
Imagen de un Volantes de Baño - Castrelo
Redacción: DULCE

No hay comentarios:

Publicar un comentario