O QUE SEMPRE ESTÁ E NUNCA SE VÉ
MANOLO LÓPEZ (DUMBRÍA C.F.)
Non se concibe o noso fútbol sen esa representativa faciana que identifica á meirande parte dos clubes, eses directivos que, paseniñamente, á sombra dun labor imprescindible, son a maquinaria necesaria que precisa un equipo para botar a rodar cada domingo. Manolo López non só é un veterán dos campos da Costa, tamén é un dos pioneiros e artífices daquel Dumbría que comezou a camiñar para converterse nun referente costeiro a día de hoxe, e co que nuns meses cumprirá as Vodas de Prata ao servizo dunha casa na que, ademais de infatigable traballo, pon alma e corazón en todo ese tempo que adica ao Conco.
Manolo vive coa filosofía de que o deporte non é unha regra de tres, que gañar e perder son sempre dúas caras que dan a volta con facilidade, pero nunca sabes cando vai saír algunha delas. Espectador de primeira liña na traxectoria dun Dumbría que acadou fitos históricos na bisbarra, ascensos e títulos, pero tamén os logros dun fútbol Base que esta tempada voltan a situarse nas grandes ligas galegas. Con todo e tanto vivido, lembranza especial para a primeira Copa da Costa, aquela que estreaba o novo século e que abríu a porta ás que virían despois. Coma Delegado do primeiro equipo, vive intensamente a ras de céspede cada encontro, coa exquisitez de trato que o caracteriza e o fai ben recibido onde queira que viaxe. Encargado tamén desa montaña burocrática na que se convirte calquera trámite, papeleo e comunicacións que requiren paciencia e moitas horas que nunca se contabilizan, pero que aí están e fan posible que cada domingo o Dumbría saia dos vestiarios para que desfrutemos dunha tarde de fútbol. Manolo ocupará o seu lugar no banco, coa bolsa preparada para atender as incidencias dos seus xogadores...os mesmos que, nalgúns casos, leva vendo media vestidos de branco e negro, tan familiares coma a propia familia. Porque Manolo é exactamente iso, incluso para moitos rivais: alguén familiar e necesario nas vidas dos que soñan en redondo.
CF Dumbria -oficial- Concello de Dumbría Real Federación Galega de Fútbol - Futgal Galicia en Goles En Xogo El Punteirolo Non Vale Furar A Bancada
No hay comentarios:
Publicar un comentario