![]() |
1 DE XULLO 1979: BOICOT
Resulta curioso como o simple feito de sentarse a tomar un viño en calquera dos bares de Fisterra garda tras de si outra desas historias con tintes surrealistas ou con matices de realismo máxico, que ben poidera levar a sinatura de Gabriel García Márquez.
Bueno, carallo, bueno, xa está este esaxerando, pensaredes... Pois si, babitas, si!
Ou acaso pode alguén asegurar que se aquel partido transcorrera dun xeito diferente a como realmente aconteceu, o viño en Fisterra ía ser o mesmo que o que se serve hoxe en día?
Ninguén que coñeza minimamente a historia o pode asegurar e para iso hai que remontarse a case corenta anos atrás, concretamente, ó 1 de xullo do ano 1979.
Por aquel entón, Fisterra comezaba a dar os primeiros pasos na recén estreada democracia. Facía xa máis dunha década dende a chegada dos miños, arte de pesca que moito tivo que ver coa bonanza económica deses anos, e bares como o Carloto, o Delfín, a Frontera, a “Jalleja", o Bar Cambeiro ou o Nueva York, entre outros, gozaban de boa saúde servindo Mirindas, Pepsis, viño Coes e de barril.
No mundo occidental, o capitalismo xa estaba máis que afianzado. As oportunidades no país aumentaban, aínda que na nosa comarca, sempre tan reticente ós cambios, había negocios que se mantiñan inmutables ó paso do tempo. Un deses negocios era o da distribución do viño na nosa vila, que dende había moitos anos corría a cargo da empresa ceense O Carballino.
Dábase a curiosa circunstancia que o encargado desa empresa, Manolo do Carballino, exercía tamén como presidente do Unión Clube Cee.
Durante ese verán de 1979 tería lugar a XVI edición da Copa da Costa, enfrontando nunha das semifinais ó Unión Clube Cee e a S.D. Fisterra. Os da vila da Xunqueira tiña un equipazo, non en van eran os campións da edición anterior. O Fisterra, pola súa parte, contaba coa segunda xeración de xogadores federados, xeración que co tempo demostraría ser unha das mellores, se non a millor, de tódolos tempos do clube. Tratábase en definitiva, dunha eliminatoria impoñente.
No vello campo de Raíces, o día do partido de ida, non cabía un alfiler. O partido foi moi brusco e tenso, rematando de maneira moi accidentada cun resultado de 2-2.
A xente de Fisterra alí presente clamaba contra a actuación arbitral. E se iso fora pouco, ó rematar o encontro, parece ser que o árbitro cubriu a acta no bar do Carballino, polo menos iso foi o rumor que correu como a pólvora por Fisterra. Dita acta reflexaba as expulsións de varios xogadores que non tiveran ningún percance no terreo de xogo. Este feito crispou aínda máis os ánimos das fisterranas e dos fisterráns. Había que tomar a xustiza pola man... E tomouse.
Dende ese día ningún bar de Fisterra lle collería mercancía a Manolo do Carballino.
Este feito chegou a oídos de Manel, un xove rapaz tamén de Cee que comezaba no negocio da distribución de bebidas. Este, tras facer unhas chamadas e mover algúns contactos, plantouse ó día seguinte en Fisterra cun obxetivo claro: Buscar a un tal Pepito Maletas.
O señor José Calvo Quintas, alias Pepito do Barbeiro ou máis coñecido, se cabe, como Pepito Maletas, que na actualidade conta con 91 anos de idade, foi o encargado de levar a Manel por tódolos bares da vila presentándolle ós donos dos mesmos:
"A partires de hoxe, o viño hai que collerllo a este rapás".
Dito e feito. Dende aquel día, as ventas do Carballino en Fisterra reducíronse de maneira moi ostensible.
Cómpre dicir, que aquel plantel consegiu pasar á final e derrotar nela ó Corcubión, acadando así a súa primeira Copa da Costa.
Na actualidade e debido a que o acontecido naquel partido de fútbol abriulle as portas, a empresa Distribuciones Guimareu S.L. é unha das principais suministradoras de viño, cervexa e refrescos que operan en Fisterra.
Curiosamente, non hai moito coincidín con Manel nunha comida. Despois de falar sobre varios temas, comentoume que se enterara de que a A.C.D. Rapacollón´s Big Band organizara o ano pasado o "I Entroido de Verán" e que non o avisaramos para a xestión da barra. Eu expliqueille que ese tema era cousa do clube, ó que el me constestou cun distraído:
"Ah, vale... xa moverei algún contacto, logo".
Asique, iso, se nestes meses vindeiros volvedes ver no camión de Guimareu a Manel acompañado de Pepito Maletas, non vos estranedes. Coñécense de vello e sempre fixeron bos negocios xuntos.
No hay comentarios:
Publicar un comentario