O NOSO FÚTBOL, O DE VERDADE.
Estou seguro que moitas e moitos de vós coñecedes a algunha persoa que definiría así o fútbol. Ben porque así o considera e o argumenta con criterio, ou ben porque cre que polo simple feito de afirmar tal cousa, xa pasa a formar parte dunha élite social e cultural que está por riba de certos placeres mundanos.
A nós, habitantes da Costa da Morte, esas posibles definicións cóllenos moi lonxe.
Na costa da Morte xogamos ó fútbol, pero o noso fútbol ten pouco de negocio. Que llo pregunten ás directivas dos clubes ou a eses pais e nais que ata hai moi pouco tempo tiñan que separar o barro da roupa despois dun partido.
Na Costa da Morte xogamos ó futbol, pero os nosos xogadores non xogan por diñeiro. Fano, sinxelamente, porque lles gusta.
Na costa da Morte asistimos ó fútbol, e facémolo en masa, sendo a zona de Galicia que máis xente arrastra ós campos de fútbol. E non o facemos con agresividade, nin nos consideramos persoas básicas nin manipulables polo simple feito de sentir intensamente a paixón de animar ós nosos veciños e amigos cada fin de semana.
En definitiva, o fútbol da Costa contén a esencia pura do deporte rei. Que bonito é gañar un derbi, chegar a unha final da Copa da Costa ou gañar unha liga cando ás cores que defendes son as do teu pobo.
E que fermoso resulta escoitar, como escoite eu hai uns meses en Fisterra, a conversa entre un adulto e un neno de oito anos nun bar, mentras xogaba o F.C Barcelona na TV:
ADULTO: E ti...¿De que equipo es?
NENO: ¿¿Eu?? Do Fisterra e do Barca. (E matizou...)Primeiro do Fisterra, e despois do Barca.
No hay comentarios:
Publicar un comentario